Palabras de XOSÉ QUINTAS CANELLA do seu paso polo Colexio AMOR DE DIOS de Vigo o XX DÍA DA LECTURA

 

Amigos, ante todo, en nome propio e no de todo o grupo, quérovos transmitir o noso agradecemento polo trato amable e deferente que recibimos.

De volta comentamos unha gozosa impresión, compartida por todos nós, que nos deixaría moi boas sensacións. Era un aspecto que se facía notar desde o primeiro momento, en cada un dos grupos de nenas e nenos cos que tivemos o privilexio de compartir aquelas breves e fugaces horas que, todo hai que dicilo, soubéronnos a ben pouco. O que percibimos, pareceunos algo raro, polo infrecuente, e porque destacaba sobre calquera outro aspecto e conferíalle un atractivo moi positivo e sedutor a aqueles alumnos.

Tan singulares e insólitas impresións resultábannos anacrónicas, pois, nos tempos que corren, lamentablemente, nin tan sequera nos adultos é doado observar semellantes doses de prudencia e discreción. Algún día non che digo eu que iso non fora o máis normal, pero, o que é agora, a circunspección e as boas maneiras semella que pasaran de moda.

Aqueles grupos de nenos e nenas esforzándose por expresarse con formal sensatez e madureza, atentos e ávidos coma os paxariños no niño, era do máis tenro e do máis alentador. Que bo presente para construír futuro.

Moi correctos, moi educados, foron xenerosos en palabras de eloxio e en expresións de agradecemento, con absoluta naturalidade e franqueza, non exentas dunha inxenua gravidade e dunha deliciosa compostura. Que regalo e que encanto de criaturas.

Isto, seino ben, non pode ser casual. Estou seguro que detrás hai un bo traballo do profesorado e dos pais dos mociños. Aplaudo o voso labor e debédesvos felicitar e felicitalos pola espléndida imaxe que transmiten. Parabéns.

Por favor, trasladádelle aos alumnos e ao resto do profesorado os nosos agradecementos e, máis nada, aquí estamos á vosa disposición para o que queirades mandar.

Saúdos afectuosos para todos.

 

 

 

cuentos